02
jun

O pasado venres 30 de maio celebramos no Liceo La Paz unha nova edición do noso Mercadiño Solidario, unha das citas máis esperadas do curso, que unha vez máis conseguiu mobilizar a toda a comunidade educativa nun ambiente de colaboración, creatividade e compromiso social.

 

Durante a tarde, o noso cole encheuse de vida grazas aos postos preparados co traballo do alumnado de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Pulseiras, marcapáxinas, obras de arte, plantas, papiroflexia, xogos de robótica, hiloramas e outros moitos produtos elaborados nas aulas foron postos á venda con fins solidarios. A Escola de Idiomas ESID Liceo La Paz sumouse tamén á iniciativa cun posto propio no que se ofreceron exemplares da revista ESID e material didáctico.

 

Este ano, como novidade, o alumnado organizou diversos postos especiais: pintado de uñas, limonada, trenzas de fío e partidos de fútbol, que tiveron unha gran acollida e fixeron as delicias dos máis pequenos e das súas familias.

 

O ambiente festivo completouse coa actuación da Small Band do CAMP, dirixida polo profesor Wilson Ortega, que encheu de música e ritmo o patio durante toda a xornada.

 

Grazas á enorme participación e xenerosidade de familias, alumnado, profesorado e persoal non docente do centro, conseguiuse recadar máis de 4.000 euros, que serán doados integramente á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de A Coruña (AFACO), entidade elixida polo propio alumnado do centro.

 

O Banco Parroquial de Alimentos de Cáritas San Pedro de Mezonzo tamén estivo presente cun punto informativo e un posto con produtos feitos no seu obradoiro de manualidades. Ademais, levouse a cabo unha recollida de alimentos non perecedoiros para apoiar a súa labor social.

 

Desde o Liceo La Paz queremos agradecer profundamente a colaboración de todo o alumnado, profesorado, persoal non docente, familias e entidades colaboradoras, así como a Flores Patiño, pola súa xenerosa doazón de plantas para o evento.

 

O Mercadiño Solidario é moito máis ca unha actividade puntual: é unha verdadeira experiencia de aprendizaxe en valores, que reflicte o noso compromiso coa formación integral do alumnado e coa solidariedade como eixo fundamental da educación.

 

0 No comments

Comments are closed.