
A Xunta de Goberno Local aprobou a semana pasada as bases do programa A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2027-2028, que contempla a convocatoria dunha trintena de prazas que posibilitan a realización do curso de 1º de Bacharelato en Canadá durante o curso 2027/28, para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado matriculado en 4º de ESO nun centro educativo do municipio da Coruña durante o curso actual, 2026-2027.
Este luns abriuse o prazo de inscrición para poder participar no programa, establecéndose 15 días hábiles para presentar por Rexistro a documentación requirida, de tal xeito que a inscrición poderá formalizarse desde hoxe, 5 de outubro, ata o 27 de outubro.
A ficha de participación está dispoñible na web educativa municipal (www.coruna.gal/educacion), aínda que tanto esta ficha, unha vez cuberta e asinada, como o resto de documentación, ten que presentarse a través dos rexistros oficiais, do Concello como doutras administracións, para poder formalizar a inscrición.
Supón unha gran oportunidade para profundar no coñecemento do inglés e da cultura doutro país. Achegamos para iso as bases, aínda que en todo caso toda a información, incluíndo requisitos, criterios de baremación, custos e documentación necesaria, está dispoñible na páxina web municipal (www.coruna.gal/educacion), no seguinte enlace: Bolsas Norteamérica 2027-2028
En calquera caso, poderá solicitar a participación neste programa e ser beneficiario/a destas axudas o alumnado escolarizado nun centro educativo do termo municipal do Concello da Coruña que cumpra os seguintes requisitos:
-
- Estar en posesión do documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE).
- Residir e estar empadroado co seu pai, nai ou representante legal, de ser o caso, no Concello da Coruña desde o 1 de xaneiro de 2025.
- Estar matriculado e cursando 4º de ESO nun centro escolar situado no termo municipal da Coruña, no curso 2026-2027.
- Contar no curso de 3º de ESO cunha cualificación media de 7 puntos ou máis e non ter ningunha materia suspensa.
- Contar no curso de 3º de ESO cunha cualificación de 7 puntos ou máis na materia de lingua estranxeira (inglés).
- Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este requisito será comprobado só no caso de resultar adxudicatario, podendo dar lugar a que un solicitante inicialmente admitido pase a estar excluído por non cumprir este requisito na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Para a concesión das prazas terase en conta a nota media e de inglés de 3º de ESO, os ingresos económicos da unidade familiar, así como diferentes aspectos sociofamiliares dos solicitantes (condición de familia numerosa, familia monoparental, discapacidade, situación de violencia de xénero, casos de acollemento familiar).
Con todo, a participación no programa non implica a total gratuidade para o alumnado beneficiario, polo que as familias, en función da súa renda per cápita, achegarán as cantidades que lles correspondan segundo as contías e porcentaxes sinaladas na táboa recollida nas bases do programa.
Para calquera consulta, aclaración ou ampliación de información, pódese facer a través deste enderezo electrónico, na web www.coruna.gal/educacion ou no teléfono 981184200, extensión 10911.

Comentarios recientes