01
dic


 

No Liceo La Paz continuamos avanzando cara a unha educación máis humana, respectuosa e centrada no benestar integral do noso alumnado. Por iso, é para nós unha grande satisfacción anunciar a inauguración do Recuncho Zen, un novo espazo inclusivo pensado para favorecer a calma, a convivencia positiva e a regulación emocional dentro dos recreos.

 

O Recuncho Zen nace da colaboración entre o Departamento de Orientación, o Equipo de Convivencia e Natalia Miguel, a Coordinadora de Bienestar do noso centro, coa vontade de ofrecer ao alumnado unha alternativa tranquila dentro do recreo, un lugar onde poder descansar, desconectar, reflexionar e compartir xogos de mesa co resto de compañeiros. Sabemos que non todos os nenos e nenas viven os recreos do mesmo xeito, e que a diversidade tamén se expresa na forma de xogar, relacionarse ou xestionar os tempos libres. Este novo espazo pretende dar resposta a esa realidade, respectando os ritmos individuais e garantindo que cada alumno e alumna atope un lugar no que sentirse cómodo e acompañado.

 

Deseñado con criterios educativos e inclusivos, o Recuncho Zen incorpora elementos que favorecen a calma: zonas de lectura, xogos de mesa, ou un espazo no que ter unha conversa tranquila. Todo isto converte este espazo nun recurso máis para traballar a educación emocional, a autonomía persoal e a convivencia positiva.

 

O Recuncho Zen é unha aposta pola diversidade, polo coidado mutuo e polo benestar, valores que consideramos fundamentais no noso proxecto educativo.

 

Agardamos que este novo espazo se converta nun punto de encontro especial no que cada alumno e alumna poida atopar paz, equilibrio e inspiración.

 

Seguimos medrando xuntos, tamén nos recreos.

 

0 No comments

Comments are closed.