
O Liceo La Paz volveu demostrar este venres 29 de maio que a solidariedade tamén se aprende, se comparte e se celebra en comunidade. O tradicional Mercadiño Solidario de maio converteu unha vez máis o patio do centro nun espazo cheo de creatividade, convivencia e compromiso social, reunindo alumnado, familias, persoal do centro e veciños arredor dunha causa común.
Durante as dúas horas que durou, o patio do colexio enchiuse de postos elaborados polo alumnado de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, que puxo á venda todo tipo de creacións feitas con ilusión e moito traballo: marcapáxinas, pulseiras, prantas, obras artísticas, papiroflexia, bolsas de tela, velas ou libretas personalizadas, entre moitas outras propostas. A Escola de Idiomas ESID Liceo La Paz tamén quixo sumarse á iniciativa cun posto propio no que presentou diferentes materiais.
Un dos aspectos máis especiais desta edición foi a participación activa do propio alumnado de ESO na creación de novas actividades e postos solidarios. Pintado de unllas, limonada, palomitas, trenzas de fío ou partidos de fútbol foron algunhas das propostas que tiveron unha excelente acollida e contribuíron a crear un ambiente festivo e participativo, especialmente entre os máis pequenos.
A música tamén tivo un papel protagonista grazas á actuación en directo da Small Band do CAMP, dirixida polo profesor Wilson Ortega, que acompañou a tarde cun repertorio moderno e cheo de enerxía.
O resultado de toda esta implicación traduciuse nunha recadación incomparable, que será destinada íntegramente a APADAN, entidade escollida polo propio alumnado.
Ademais, o Banco Parroquial de Alimentos de Cáritas San Pedro de Mezonzo participou no evento cun espazo informativo e un posto de venda de produtos elaborados no seu obradoiro de manualidades.
Paralelamente, realizouse unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Altas, reforzando así o compromiso do centro coas necesidades sociais da contorna máis próxima. O propio Banco sorteou unha camiseta do Depor asinada por tódolos xogadores entre todo aquel que entregara un kilo de comida á entrada do evento. A agraciada foi Martina, unha alumna de Primaria que non só achegou alimentos o día do mercadiño, senón que xa levara durante a semana a súa aportación.
Desde o Liceo La Paz queremos agradecer a implicación de toda a comunidade educativa, das entidades colaboradoras.
Ano tras ano, o Mercadiño Solidario consolídase como moito máis ca unha actividade escolar: é unha experiencia educativa que promove valores como a empatía, a participación e a responsabilidade social, demostrando que pequenas accións colectivas poden ter un grande impacto.



























Comentarios recientes