16
jun

No Taller de Enriquecemento do alumnado de ESO levouse a cabo durante este curso un proxecto enmarcado no programa Mocidade polo Clima, unha iniciativa transversal de sensibilización, formación e acción fronte ao cambio climático destinada á mocidade galega.

 

Este programa, dirixido a persoas mozas de Galicia de entre 3 e 35 anos, ten como obxectivo principal fomentar a concienciación social, a información, a formación e a captación de talento entre as novas xeracións, promovendo a aprendizaxe a través da experiencia, a participación activa e a implicación social.

 

Dentro desta iniciativa sitúase o programa Escolas polo Clima, promovido pola Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e da estratexia Mocidade polo Clima, a través da Subdirección Xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

 

O obxectivo principal de Escolas polo Clima é apoiar os centros educativos galegos na integración da sostibilidade e na posta en marcha de accións ambientais, impulsando un modelo educativo no que o coidado do planeta sexa un eixo central da aprendizaxe, da convivencia e da participación.

 

O programa estrutúrase en dúas liñas principais: Escolas Verdes e Retos Climáticos. O proxecto no que participou o noso colexio pertence á segunda destas liñas, centrada nos retos climáticos. Trátase dun programa formativo, en modalidade concurso, cun carácter local e unha visión global, que nace co propósito de desenvolver propostas e solucións para loitar contra o cambio climático desde a mirada das persoas máis novas.

 

Esta proposta vai máis aló da formación académica, xa que ofrece ao alumnado a oportunidade de aprender de maneira práctica sobre problemas reais da actualidade. Ademais, resulta especialmente motivadora, pois permite que as súas ideas sexan escoitadas, compartidas e valoradas.

 

Un reto real: transformar os espazos públicos fronte ás vagas de calor

 

O reto proposto consistiu en analizar como transformar os espazos públicos para facer fronte ás vagas de calor. Para traballar en solucións reais e útiles, o alumnado abordou este problema climático desde unha perspectiva local, estudando espazos concretos da súa contorna.

 

No noso caso, os lugares analizados foron a Biblioteca Municipal do Castrillón, o Parque de Eirís e o Centro Cívico de Eirís. O obxectivo foi observar e estudar as características destes espazos públicos, obter datos reais e empregalos como base para elaborar propostas de transformación e adaptación ás vagas de calor.

 

A adaptación aos efectos do cambio climático é un dos grandes desafíos das sociedades actuais. A comunidade científica e os organismos internacionais coinciden na necesidade de transformar os espazos urbanos, rurais e educativos para facer fronte a fenómenos cada vez máis extremos, protexer a saúde das persoas e garantir a continuidade das actividades sociais e económicas.

 

Neste contexto, o reto permitiu ao alumnado abordar un problema climático real desde unha perspectiva próxima, apoiándose nunha base normativa e estratéxica que axuda a garantir que as propostas sexan viables, estean aliñadas coas políticas públicas e conecten cos compromisos globais.

 

Para iso, os equipos participantes tiveron que revisar, seleccionar e interpretar información actualizada de distintas fontes, co fin de contextualizar o reto no seu territorio e formular solucións fundamentadas.

 

Aprendizaxes e competencias traballadas

 

Ao longo do proxecto traballáronse diversos contidos académicos relacionados co cambio climático, os seus principais impactos locais, as causas e consecuencias das vagas de calor, os plans de adaptación ao cambio climático no ámbito europeo, estatal e galego, así como os riscos climáticos: perigo, exposición, vulnerabilidade e impacto social, ambiental e económico.

 

Tamén se afondou no uso e interpretación de climogramas e datos meteorolóxicos, no pensamento científico, na formulación de hipóteses, na análise de información e na elaboración de conclusións. Ademais, o alumnado desenvolveu un proxecto completo, atendendo á metodoloxía, á análise, á avaliación e á viabilidade das súas propostas.

 

O proxecto contribuíu igualmente ao desenvolvemento de competencias clave como a competencia emprendedora, cidadá, dixital, social e persoal, a competencia de aprender a aprender e a competencia matemática, científica, tecnolóxica e en enxeñería.

 

Do mesmo xeito, favoreceu habilidades persoais fundamentais como o traballo en equipo, a comunicación, a oratoria, o liderado, a autonomía, a creatividade e a innovación.

 

Encontro en Santiago

 

O pasado 5 de xuño tivo lugar en Santiago de Compostela un encontro no que participaron os colexios galegos implicados no programa. Esta xornada permitiu compartir experiencias, coñecer outros proxectos e poñer en valor o traballo realizado polos diferentes equipos participantes.

 

Queremos destacar a importancia do labor desenvolvido polo enxeñeiro e mentor que acompañou o noso equipo ao longo do proceso. A súa orientación, implicación e apoio foron fundamentais para guiar o alumnado, axudándoo a enfocar as súas ideas e a avanzar no desenvolvemento do proxecto.

Así mesmo, queremos agradecer especialmente a implicación e as facilidades dadas pola Xefatura de Estudos para a implementación desta iniciativa. A organización de saídas, as visitas ao centro, a coordinación de horarios e a necesaria flexibilidade nas datas de exames fixeron posible que o proxecto puidese levarse a cabo con éxito.

 

Grazas ao esforzo conxunto do alumnado, do profesorado, da mentoría e da organización do centro, esta experiencia converteuse nunha oportunidade de aprendizaxe real, significativa e comprometida co futuro do planeta.

 

0 No comments

Comments are closed.