09
jun

 

«TODOS SOMOS CAMIÑO» Este é o título do Proxecto de Voz Natura que traballamos no Centro durante o curso 2020/2021.

 

No desenvolvemento do noso Proxecto intentamos que toda a comunidade educativa traballara para considerar o Camiño de Santiago como unha experiencia humana que todos podemos experimentar e que supón para todos nós un crecemento persoal importante.

 

Cada curso intentou identificar e decidir que valores quixeron impulsar, que esforzos debían asumir e a meta onde querían chegar ó final do curso.

 

Utilizáronse diversas linguaxes para adquirir o coñecemento: linguaxe oral, linguaxe plástico, musical…

 

En tódalas actividades que nos foi posible, incorporamos ás familias nesta experiencia, favorecendo a súa implicación a través de tódolos recursos posibles. Temos que ter en conta a situación tan complicada que tivemos nestes tempos de pandemia. Noutras circunstancias os pais e as nais viñan ó Centro asiduamente, pero neste curso que está a piques de rematar, non foi posible este achegamento físico e, polo tanto, houbo que sustituílo por un contacto máis virtual.

 

Temos que salientar que cando plantexamos a temática deste curso e o título do noso Proxecto: “Todos somos Camiño”, xa esperabamos que ían xurdir actividades moi creativas. A nosa idea foi acoller tódalas inquedanzas dos nenos e das nenas e dar cabida a tódolos intereses que tiveran en torno o “Camiño”.

 

Os obxectivos xerais do Proxecto foron acadados a pesar das circunstancias tan adversas que tivemos este curso.

 

 

EDUCACIÓN FÍSICA

 

Ó longo de todo o curso, os nosos alumnos e alumnas de Educación Primaria, nas súas clases de Educación Física, realizaron Etapas dos diferentes Camiños de Santiago. Pouco a pouco, pasiño a pasiño están chegando ó final do camiño e cumprindo as súas metas. ¡Gran traballo!

 

¡Son uns campións e campioas!

 

Departamento de Educación Física

 

 


 

 

4º DE INFANTIL

 

Este curso, no que Voz Natura está adicado a proxectos de acción directa sobre o medioambente: protección e recuperación do entorno natural do Camiño de Santiago, o noso Centro Liceo la Paz participa activamente programando actividades para a recuperación da contorna.

 

En 4º de Educación Infantil decidimos investigar e coñecer as árbores autóctonas do camiño, as hortas e as flores.

 

A continuación recollemos tódalas actividades que levamos a cabo este ano (complicado pola situación difícil que nos tocou vivir) e que presentamos para Voz Natura.

 

Dende a entrada no Cebreiro, ao norte os Ancares e ó sur O Caurel, móstrase un dos ecosistemas máis ricos do noroeste peninsular. Atravesando bosques poblados de carballeiras sotos e castaños, os bosques deixan paso ós prados e hortas, imaxes tradicionais do rural galego e campos repletos de flores na primaveira e verán. Ó longo do camiño, temos a oportunidade de disfrutar da visión destas paisaxes e de atopar especies únicas de Galicia.

Ó longo do segundo trimestre, traballamos a horta no camiño de Santiago. Vimos que ó longo do camiño atópanse curiosas hortas específicas de cada zona, con cultivos distintos e variedades de plantas según a zona que se trate.

Que a primaveira é un dos mellores momentos para gozar da natureza non é ningún segredo. A paisaxe que rodea as rutas xacobeas é famosa pola súa beleza, pero na primavera é aínda máis fermosa. A beleza da súa paisaxe responde ás frecuentes choivas que se rexistran en Galicia, os verdes campos, azuis intensos e a cor primaveral das flores. Por iso decidimos traballar as flores que se atopan no camiño de Santiago, dentro das aulas.

Podedes consultar aquí o DOSSIER.

 

Equipo docente de 4º de Educación Infantil

 


 

 

5º DE INFANTIL

 

Nas clases de 5º de Infantil, elaboramos unha serie de actividades enfocadas a descubrir o Camiño de Santiago e os tesouros do Bosque Galego que leva acompañados. Aprendimos en qué consiste o Camiño, bailamos coa canción “A Santiago voy”, visionamos diferentes vídeos que nos mostraron cómo se desenvolve o Camiño de Santiago, coñecimos o que é un Código QR e cómo forma parte da nosa vida e no día a día do Camiño, descubrimos as súas diferentes rutas, centrámonos nunha delas e detivémonos no Bosque Galego.

 

Neste 2º trimestre, comezamos a falar dos animais e, en concreto, coñecimos un pouco mellor os que nos poderiamos encontrar no camiño. Entre eles atopamos o moucho, o raposo, o xabarín, o esquío… Tras ver fotos sobre eles e buscar certa información, fixemos esta actividade tan divertida. Consiste en buscar as pegadas que corresponden os nosos animais esquivos e pegar as mesmas ó seu carón.

 

A actividade «Gastronomía do Camiño de Santiago» ten varias partes: a primeira, consistiu en ir plantar ao viveiro da escola produtos principais de varios platos típicos galegos, como son os pementos de Padrón, as cebolas coas que se elaboran as empanadas, e patacas, coas que se fan as famosas tortillas de Betanzos. Os nenos e nenas plantaron e estarán pendentes do seu crecemento. A segunda parte da actividade consistiu na realización dun recetario de comidas típicas dos distintos pobos que hai durante o Camiño de Santiago, como son a empanada de atún, os pementos de Padrón e a tortilla de Betanzos. Os nenos e as nenas elaboraron o recetario nas súas aulas, coa axuda das tutoras, no que se involucraron escribindo as cantidades dos ingredientes necesarios, os nomes dos ingredientes e os debuxos. E a terceira e última parte, consistiu na degustación destas comidas na aula, de maneira individual.

 

Podedes consultar aquí o DOSSIER completo.

 

Equipo docente de 5º de Educación Infantil

 


 

 

6º DE INFANTIL

 

Os alumnos e alumnas de 6º de Infantil, sentados en asemblea, traballaron con diferentes bolsas cheas de herbas aromáticas. Para comezar, cos ollos pechados, os/as nenos/as pasáronse os sacos e descobriron cada un dos olores. Despois, dialogamos sobre cales eran máis agradables, cales son familiares e cales nos sorprenderon. Finalmente, clasificamos cada unha das plantas e as etiquetamos para non confundilas. Pegamos una pequena mostra no libro de actividades.

 

Cando os/as nenos/as chegaron ás aulas pola mañá atoparon unha visita inesperada: no centro da clase había un espantallo. Xurdiu así unha tormenta de ideas que derivou nunha longa asemblea sobre as hortas. Fixéronse moitas preguntas, algunhas delas tiñan resposta pero outras esixiron de certa investigación.

 

Para a actividade «Recuncho dos animais», repararon un espazo destinado á exploración e ó xogo con figuras de animais. Os/as nenos/as contan con tres zonas diferenciadas: o aire, a auga e a terra para colocar cada unha das especies e simular situacións: relacións entre eles, alimentación, o descanso na noite…

 

Estamparon verduras para a creación dun bodegón.

 

«A historia das follas«. Para lembrarnos mellor das follas das árbores, o alumnado inventou historias sobre elas:
“A aciñeira, igual que nos contos de fadas, teñen fama de ter un oído excelente porque a súa contorna ondulada semella ó lóbulo da orella.”
“A árbore do amor debe o seu nome á forma de corazón das súas follas.”
“O bidueiro é coñecido polo seu feroz apetito: a súa folla está adornada co bordo dentado…”

 

Coñecemos o traballo do horticultor. Durante parte dunha bonita xornada escolar os nenos e nenas da clase dos Golfiños,e a sua mestra Puri, acompañamos ó noso horticultor preferido, José Antonio. Con él aprendemos moitas cousas, a parte de plantar os pementos e as leitugas axudámoslle a coidalos. Primeiro escoitamos a explicación que nos fixo José Antonio de como tiñamos que facer. Logo axudámoslle a cavar a terra e sacarlle as malas herbas para que as leitugas e os pementos medraran.

 

Na actividade «Os Golfiños viaxan a Santiago«, os nenos/as da aula de 6B de Educación Infantil foron inventando un conto sobre unha viaxe que os Golfiños fan a Santiago. O primeiro neno que leva o conto empézao, os seguintes escriben a historia e o último fai o desenlace do conto, acábao.
Este conto vai sobre dous Golfiños que estaban chegando a Santiago, encontraron a un amigo, Pulpín, fixeronse amigos e continuaron o Camiño polo río ata chagar a Santiago… pasáronlle moitas cousas, pero non sempre todo lle foi ben. O final conseguiron acadar a súa meta, chegar á Catedral de Santiago.

 

Ao longo do segundo trimestre, levamos a cabo o proxecto da horta. Durante o mesmo, levamos a cabo diferentes actividades relacionadas con este tema, entre elas a de plantar berzas na pequena horta que temos na escola. Para isto, fixemos diferentes equipos e cada un encargouse dunha cousa: uns de plantar as sementes, outros de botar e remover a terra, outros de botar auga na regadeira e outros de regar. As seguintes semanas visitábamos a horta para ver a evolución da nosa plantación.

 

Contamos o conto «O Camiño de Santiago» coa finalidade de que os nenos e nenas, en pequenos grupos, escribiran un conto relacionado coa temática do Camiño de Santiago. Para iso fixemos unha pequena posta en común onde cada un dixo o que coñecía do tema. Despois fixemos unha investigación coa axuda dunha tablet para coñecer as diferentes rutas, os símbolos máis importantes do Camiño e as razóns que levan a moitas persoas a realizar unha peregrinaxe. Despois escribiron o conto “O oso Bruno viaxa a Santiago”. Cada neno tivo que esperar o seu turno e, cando lle tocaba, ler o que escribiu o seu compañeiro para poder continuar o conto. Cando o remataron, lémolo todos xuntos na aula e fixemos un breve debate final sobre él.

 

Investigamos os cultivos que se traballan nas diferentes vilas polas que discurre o camiño De Santiago. O camiño Inglés.

 

Plantamos na aula a nosa propia horta. Despois de descubrir os diferentes cultivos da nosa terra, seleccionamos os que queríamos plantar. Decidimos plantar: tomates, fabas e sementes de níspero que trouxo unha compañeira á aula. Investigamos as necesidades de cada planta tanto de luz, como de terra e auga. Repartimos responsabilidades, e semillamos os nosos cultivos.

 

Para ver con máis detalle estas actividades, podedes consultar o DOSSIER.

 

Equipo docente de 6º de Educación Infantil

 


 

 

1º DE PRIMARIA

 

Tendo como fío conductor “O camiño de inverno”, ruta que pertence a unha etapa do Camiño de Santiago, en 1º de Primaria traballamos cóbado con cóbado co Departamento de Educación Física do Centro escolar, facendo o Camiño de Santiago de forma simulada dende Ponferrada ata Santiago de Compostela. Os alumnos e alumnas coñecerán a simboloxía da ruta previamente acordada comprobando a sinalización e mellorándoa nos casos que se estime oportuno.

 

Asimesmo, explicóuselle ó alumnado por qué eleximos o Camiño de inverno. Fixemos unha introducción histórica coas etapas e debuxamos un peregrino. Tamén visualizamos un vídeo divertido onde se nos explica, adaptado á idade dos nosos nenos e nenas, o significado do Ano Santo Xacobeo, cada canto se produce e o que é a misa do peregrino.

 

Podedes consultar aquí o DOSSIER completo.

 

Equipo docente de 1º de Educación Primaria

 


 

 

2º DE PRIMARIA

 

En 2º de Educación Primaria tamén eleximos o Camiño de Inverno para profundizar e analizar diferentes aspectos das etapas que compoñen esta ruta. Cada clase de 2º escolliu dúas etapas para abordar o seu estudo. Propoñemos a investigación sobre lugares de interese como igrexas, museos, monumentos, albergues, enclaves importantes… e o estudo da fauna e da vexetación propia da zona. Os nenos e nenas buscaron información sobre a etapa que traballaron e a presentaron aos seus compañeiros. Tamén se realizaron reproduccións e maquetas fundamentalmente con material reciclado. Despois, tódolos traballos quedarán expostos no pasillo xunto ao corcho onde están representadas as dez etapas do Camiño de Inverno.

 

Accede aquí ó DOSSIER de 2º de Primaria.

 

Equipo docente de 2º de Educación Primaria

 


 

 

3º DE PRIMARIA

 

Os alumnos e alumnas de 3º de Primaria, realizaron o Camiño Inglés de forma simulada a través da kilometrada das clases de Educación Física e coñeceron a simboloxía presente na ruta, comprobando e mellorando a sinalización nos tramos necesarios.

 

Tedes aquí o DOSSIER da actividade.

 

Equipo docente de 3º de Educación Primaria

 


 

 

4º DE PRIMARIA

 

O alumnado e profesorado de 4º de Educación Primaria preparou dúas actividades para traballar o proxecto. A primeira delas consiste en que o alumnado elaborara unha figuriña dun peregrino/a con materiais reciclados.

 

A segunda actividade, levada a cabo en Educación Física, constou de dúas partes: en primeiro lugar, elaboramos un mural do Camiño Inglés de Santiago e as súas diferentes etapas entre A Coruña e a Catedral.

 

Os escolares realizaron, no centro educativo, o Camiño de forma simulada a través da kilometrada na materia de Educación Física. Segundo ían recorrendo as distintas distancias que compoñen o itinerario, o alumnado de cada grupo de 4º marcou cunha pincha no mural o punto do camiño que realizaran nesa sesión, logrando así percorrer os kilómetros do Camiño nas clases de Educación Física antes de final de curso.

 

Se queredes ver a actividade completa, consultade o DOSSIER.

Equipo docente de 4º de Educación Primaria

 


 

 

5º DE PRIMARIA

 

Os alumnos e alumnas de 5º de Primaria realizaron o seu proxecto enfocado no Camiño de Santiago (variante Fisterra – Cee – Santiago de Compostela), única ruta con orixe en Santiago e con meta en Fisterra ou Muxía.

 

A actividade consistiu na realización dunha guía de viaxe sobre os cinco pobos máis importantes desta famosa ruta. A ruta comeza en Santiago de Compostela, e continúa por Negreira, Dumbría ou Cee, Fisterra ou Muxía. O peregrino é o que decide a ruta a escoller. Cada aula fixo un dos pobos do Camiño, traballando a historia do pobo, as súas lendas, monumentos, festas, a natureza da zona – fauna e flora-, as personaxes nadas nese lugar, e a súa gastronomía.

 

Tedes aquí o DOSSIER da actividade.

 

Equipo docente de 5º de Educación Primaria


 

 

6º DE PRIMARIA

 

Desenvolvemos esta actividade coa realización, por parte do alumnado, de dous traballos que lles levarán á consecución dos obxectivos propostos. Estos traballos, que son realizados sobre a variante Ferrol – Santiago de Compostela do Camiño Inglés, terán, na súa maior parte, forma de murais, que son expostos nos tablóns dos corredoiros das aulas.

 

Na ruta literaria planificáronse cinco «pousadas» xenéricas: histórica, poética, cómic, teatral e conto. Os alumnos e alumnas investigaron e procuraron información sobre diferentes aspectos (orixe, evolución, flora, fauna, folclore, gatronomía, igrexas, monumentos…) dos diferentes lugares tramos ou etapas da ruta que traballamos, para poder facer despois o xénero que máis lles guste nunha cartulina pequena  ou en formato de libro.

 

Unha segunda actividade, a Ruta do compañerismo «Xuntos somos o Camiño», consistiu na realización doutro mural no que se expresan e manifestan de forma destacada unha serie de emocións, valores e experiencias que supoñería o facer o Camiño, a peregrinación. No mural aparece trazado o itinerario da variante escollida do Camiño Inglés, no que se sinalizan os lugares máis importantes polos que discorre dita ruta, as súas diferentes etapas e a meta, que sería Santiago de Compostela. Destácanse valores importantes que debemos potenciar na escola, e que teñen gran relación coa peregrinación, coma o compañerismo, a solidariedade, a xenerosidade, a colaboración, o compromiso, o esforzo, a responsabilidade, a constancia, o tesón, a superación, a resiliencia, o ánimo, a satisfacción polo traballo e esforzo realizados… procurando tamén a relación e conexión entre todos estes valores e emocións e a nova situación de pandemia actual, coa loita contra a covid-19, para conseguir finalmente, coa suma dos diferentes factores, o triunfo de todos, porque «Xuntos somos o Camiño».

 

Seguide lendo aquí o DOSSIER das actividades.

Equipo docente de 6º de Educación Primaria

0 No comments

Comments are closed.